José Manuel Blanco Suárez
Alcalde de Narón
Xuvia foi, é e será sempre un dos lugares máis
fermosos non só do municipio de Narón, senón da comarca e de toda a comunidade
galega. Únense aquí o pasado e o presente, para dar lugar a unha paisaxe espectacular,
bañada polo río que leva o seu nome, e cunha enorme proxección social, dado o
aumento poboacional experimentado por este barrio nos últimos anos.
O futuro de Xuvia pasa irremediablemente polas novas
xeracións de habitantes, moitos deles provenientes doutros lugares e atraídos
pola tranquilidade e a beleza deste lugar. O futuro fusiónase así co pasado, do
que Xuvia conserva aínda importantes construcións de enorme valor patrimonial
coma os muíños de Xuvia e as Aceas, ou o mosteiro do Couto. Son lugares que
todo o mundo debería visitar, e dos que é importante conservar testemuños gráficos para que os que veñen
detrás de nós, tamén poidan coñecer e admirar a súa beleza.
Publicacións coma a que tedes nas vosas mans
contribúen a esa preservación da nosa historia, e a través dela podemos coñecer
como era a ponte de Xuvia hai unha década, ou saber como se celebraba a
tradicional procesión marítima pola ribeira do río nos anos 50.
Agardo e confío en que gocedes tanto coma min ao
ollar este libro de postais, e que lle dediquedes un sitio destacado nas vosas
casas para que no futuro tamén o poidan contemplar os vosos fillos e netos, e
profundar así na historia deste fermosísimo lugar.

![11 [320x200].jpg](Tarjetas_postales_archivos/image029.jpg)
Vicente Araguas.
Poeta nado en Neda
Autor, entre outros títulos, de Xuvia
Boto días
enguedellado, coa teimosía que se debe poñer nas causas nobres, ollando para
unhas postais antigas, de Narón e
Neda, que edita a Sociedade de Pesca Deportiva Río Xuvia.
Levo días a mirar extasiado para canto foi avanzando, tamén desaparecendo (non
pasa nada, morremos porque antes vivimos), en paralelo coa miña vida. Ou a dos
meus ancestros, miñasxoias, que viron o que eu xa non vin, cabalgatas na
Fábrica ou madeiras onde o Río Grande enceta a boroa ou queixo da Ría, esas
cousas. Mais nestas cartulinas, en branco e negro ou coa sepia que non ten óso
nin sirve para que os xílgaros afíen o bico, recupero unha chea de marabillas
que din degustado coa boca aberta que poñemos diante dos gallos da laranxa que
a vida nos ofrece. Sempre, mais maiormente, cando somos nenos. Que é cando
andabamos no tranvía que deixou o seu sentimento eléctrico ao bus que aínda nos
leva do Porto a Neda, nun percorrido tan reiterado como as augas do Río Grande,
navegadas polos lanchóns da area, pantasmas tan pretas como nun fado de Amália.
Idea de fado, precisamente, a que transita por estas cartulinas que me deixan o
corazón nun puño. Igualiño que hoxe se subo ao Coto de Ancos e non dou visto o
que vexo nesta postal de 1961, cando o Paseo Maritimo de Narón non era tan
sequera era proxecto, e lá baixo había silveiras e matos e árbores atal unha
festa bucólica. Así este feixe de instantáneas sen sinatura, anónimas como din
que son as causas nobres.
©
Sociedad de Pesca Deportiva
Río Xuvia
©
Colección Valero